Hai moito tempo, nunha cociña galega, habitaban dentro dun frigorífico marca LG (alerta por spam número 1) tres felices oviños, que se chamaban Moreniño, Minion e Clariña.
Mais un espantoso día ocorreu un tráxico suceso: estaban os ovos tan tranquilos cando, de repente, aparece unha man xigante que os colle aos tres. Estaban moi asustados, pois non sabían que lles ía pasar. De súpeto, a man xigante rompeu a casca de Moreniño e fritiuno. Como sabían que eles ían ser os seguintes, Minion e Clariña fuxiron de alí.
Xa fóra, encontráronse cunhas torradas aladas. Minion e Clariña contáronlles ás torradas o que lles acontecera e as torradas dixeron:
- Nós temos a solución: levarémosvos moi lonxe de aquí.
Os ovos subiron enriba das torradas, que comezaron a ascender. Cruzaron o ceo anubrado a atoparon unha illa. As torradas deixáronos no chan e fóronse voando.
Á súa vista, apareceu unha fada. Ela achegóuselles e dixo:
- Ola, ola! Eu son Campaíña, a fada máis coñecida de toda a illa de Nunca Xamais- díxolles con demasiado ego-. E vós, quen vides sendo?
- Eu son Minion e ela é Clariña. Viñemos ata aquí porque unhas torradas voadoras nos axudaron a escapar do noso fogar. Íannos fritir! Pódelo crer? É indignante!
Os ovos e Campaíña segurion laretando un bo anaco, pero logo entrou en escena Peter Pan, a quen, ao ver os ovos, lle entrou a fame; e perseguiunos por toda a illa. Estes non tiveron máis alternativa que pedirlle axuda ao capitán Garfo. Foron ao seu barco e falaron con el.
- Así que vós sodes eses ovos que o rapaz do demo persegue, ou non?- dixo o capitán.
- Nooon, se lle parece, somos dúas cobras bailando bachata- dixo, con evidente sarcasmo Clariña.
- Si, sodes- respondeu Garfo-. E para que viñestes?
- Viñemos para que, coa túa axuda, creemos un complot contra Peter Pan. Mira, vai ser así...
E os ovos explicáronlle o seu plan ao capitán.
Uns días máis tarde, o plan comezou. Os ovos atraeron o rapaz ata o barco. Unha vez alí, tentaron pillalo, pero non chegaron a collelo. Nun momento desesperado, a Clariña ocorréuselle unha idea. Colleu unha rede e tiroulla enriba a Peter Pan. Mentres este tentaba quitar a rede de encima, os do barco guindáronlle un canonazo con fogos de artificio e petardos. O ceo quedou para unha foto. Por desgraza, furáronlle ao mozo unha perna.
Finalmente, todos acabaron ben: Minion e Campaíña fixéronse mozos; o capitán Garfo e Clariña comezaron a saír, aínda que sempre lle rompía a casca co garfo, pero con apósitos do Mercadona (alerta spam número 2), soluciónase; Peter Pan comprou unha perna ortopédica e, por último, a man xigante comeu a Moreniño, que se reencarnou nunha feliz morsa.
Valeria, María, Tania e Ana (2ºESO)
Ningún comentario:
Publicar un comentario