Amosando publicacións coa etiqueta letreiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta letreiros. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de maio de 2015

Vacairón na Pobra do Brollón



Trasantonte Vacairón,
coa "profe" Luisa marchou.
Paseouna por todo Eixón,
que está na Pobra do Brollón.

Viu igrexas e letreiros,
muíños e castiñeiros;
mais non se puido resistir...
e ao sinal colocoulle o til.

Moi ben feito, Vacairón:
ao incorrecto, dille "NON"!

luns, 25 de maio de 2015

Vacairón en Vilamor


Onte Vacairón escolleu os pastos dun lugar cun topónimo ben fermoso; e aproveitando tal circunstancia, propoñémosvos unha nova investigación con premio para quen responda correctamente e en primeiro lugar: 

CAL É O NOME COMPLETO DA PARROQUIA Á QUE PERTENCE VILAMOR? 

[Queda excluído expresamente do concurso o autor da fotografía e parroquiano do lugar, Iker].

Animádevos a consultar o nomenclátor. Yolanda (4º ESO) xa recibiu o seu agasalliño tras dar coa resposta certa á anterior pregunta proposta desde PuntoGalego.

xoves, 21 de maio de 2015

Vacairón en Pantón

Antonte Vacairón marchou de paseo con Ángela para coñecer algúns lugares da contorna. Como unha turista máis, deixou constancia do seu paso polas aldeas e parroquias fotografándose xunta os letreiros. 
Podes consultar o nomenclátor da Xunta de Galicia AQUÍ, para localizar o erro ortográfico que se agocha nun dos sinais. Mándanos a túa resposta como comentario e talvez recibas un premio de PuntoGalego.

venres, 15 de maio de 2015

15-M: O reto


Chegou o momento de demostrar o que vales. 
Apoia o teu equipo falando galego todo o día!

xoves, 30 de abril de 2015

A Az


Noemi (4º ESO) envíanos esta fotografía do letreiro do lugar da Az, situado na parroquia de Ousende (O Saviñao). 

Neste caso, os autores do sinal indicador optaron por reproduciren a forma máis próxima á oralidade, que tende a inserir un fonema epentético entre dúas vogais idénticas para facilitar a pronuncia. É o mesmo fenómeno que encontramos en exemplos como "a ialma, a iauga..." No caso deste topónimo, mesmo chega a perderse a noción de estar composto de artigo máis nome e intégrase o primeiro no segundo, como se fose unha soa palabra.

Podes consultar a páxina de referencia do nomenclátor AQUÍ.

domingo, 26 de abril de 2015

Eu, pola toponimia, MA-TO!

Gabriel (4º ESO) documenta graficamente a falta do artigo nos sinais en dous topónimos da parroquia de Mourelos (O Saviñao), logo de comprobar a forma oficial dos nomes de lugar no nomenclátor da Xunta de Galicia.
Para coñeceres o significado dos vocábulos "mato" e "castro" no DRAG, preme sobre eles.

xoves, 26 de marzo de 2015

Urbanooooooooo!!!

Moncho e Mateo (Primaria e Infantil)
Escoita os pícaros; case sempre saben o que din

luns, 23 de marzo de 2015

Aaahh!!!


Gabriel (4º ESO)

Talvez por culpa dos recortes, algúns lugares de San Xulián de Mourelos perderon o artigo. 
Podes consultar aquí o nomenclátor para coñeceres o nome de todas as aldeas desta parroquia do Saviñao.

venres, 13 de marzo de 2015

xoves, 12 de marzo de 2015

Maldito "de O"!


Fátima non sorrí porque lle guste este erro (xa comentado nunha entrada anterior), senón porque está sufrindo un proceso acelerado de inflamación que lle incha as fazulas. Non vedes como lle quedou a man? 

[Do verbo latino INFLAMMARE proveñen o cultismo "inflamar" e a palabra patrimonial "inchar".]

O Noso Lar


Como Iker explica perfectamente no seu correo, o apóstrofo resérvase unicamente para representar na escrita certas ligazóns fónicas (Ven pr'onda min) ou para unir algunhas preposicións cos títulos de obras artísticas (O Milhomes é un personaxe d'A esmorga).

Cuestións lingüísticas á parte, desde PuntoGalego recomendamos o delicioso café que preparan neste establecemento (unha cousa non quita a outra), no caso de serdes maiores de idade sen problemas de hipertensión.

Praza Maior


Podes consultar AQUÍ a entrada do vocábulo "maior" no DRAG para coñecer as súas acepcións, sinónimos, usos, expresións e frases feitas, pronuncia, etc.

Todo o mundo pode ter o seu punto... galego


Por se aínda hai quen pense que co galego non se vai moi lonxe... ZAS! En todo o fociño!

mércores, 11 de marzo de 2015

Leite galego


Lembra:

A forma normativa para o demostrativo neutro é ISTO.
A afirmación SI non leva til, porque non hai que distinguir esta palabra de ningunha outra (a partícula condicional é "se"). 
O adverbio de cantidade MÁIS, no entanto, debe levar o acento gráfico (diacrítico) para distinguilo da conxunción MAIS.
E nunca, nunca, nunca te esquezas de que a 3ª persoa do verbo "ser" leva un til coma un mundo: É!

Grazas a ti


Grazas a ti, Julia, por recordarnos que os adultos tamén nos equivocamos (e tampouco se acaba o mundo). A única condición sine qua non para aprender algo é non sabelo previamente.

O tríptico de Julia


Non pensedes que Julia ten unha tarxeta "black" de Abanca... É simplemente que recoñece as cousas ben feitas.

Pabellón? Mercadero ganadeiro??


A Janena dálle a risa, e non é para menos: en galego, as formas correctas son "pavillón" e "gandeiro". O de "mercadero" xa a deixou sen fala...

De O Saviñao?!


Pablo está que bota chispas, e non me estraña. Como conseguiremos que o alumnado non cometa erros ortográficos, se ata os rótulos dun concello ou dun centro escolar están mal escritos?

A forma correcta, como prescriben as Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega na páxina 86, sería: Concello do Saviñao. Aplicando a mesma norma, escribiremos "da Coruña", "na Guarda" ou "polo Rosal".

En canto ao til, recordemos unha vez máis que o uso das maiúsculas non exime da obriga de colocalo cando lle corresponda. (Que difícil é acabar coas lendas urbanas, meu Deus!).

[No enlace subliñado arriba, podes descargar de balde o pdf publicado pola RAG.]