Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de xuño de 2015

O rato da casa e o rato do monte

Dos contos populares sempre aprendemos algo. Neste caso, que tras as cousas demasiado fáciles adoita haber gato encerrado (nunca mellor dito).

martes, 19 de maio de 2015

Isabeliña

Ilustradores: Fátima e Raúl
Esta é a lenda de Isabeliña, recollida por Sara en Escairón.

  Isabeliña era unha pequena moi riquiña. Sempre levaba pastar as vacas ao monte, despois de facer as súas tarefas.
  Un día, de camiño á súa casa, encontrouse cunha señora moi miudiña e vella: era unha moura. A moura, sen presentarse, acercouse a ela e deulle un vestido de seda azul precioso, con brillos arredor da cintura. A moura advertiulle que non lle podía dicir a ninguén quen lle dera aquela roupa. Isabeliña marchou para a súa casa moi contenta polo seu regalo.
  Ao entrar na casa, a mai preguntoulle polo traxe, pero a nena non respondeu. Cando a mai tomou medidas extremas, Isabeliña rompeu a chorar e contou toda a historia.
  Ao día seguinte, cando se dirixía ao monte, Isabeliña encontrouse coa moura. Esta levouna ata unha cova moi escura, afastada do camiño á aldea. Chegaba a noite e Isabeliña non volvera. A súa mai saíu da casa e chamou por ela. De súpeto, unha voz desgastada respondeulle así:
  - Isabeliña, Isabelón,
  converteuse en aceitón!

domingo, 29 de marzo de 2015

A lombriga aconselladora


A lombriga aconselladora (vulgarmente denominada "conciencia") é un animal moi parecido á típica lombriga terrestre, pero cunha exhibición de cores espléndida, pois comprende tanto cores escuras, coma cores pasteis. A devandita lombriga posúe diferentes órganos (ver imaxe).

Este parasito habita nos oídos dos seres humanos, pero é indetectable polo seu minúsculo tamaño (só pode ser observado a través do potente microscopio Omega X1). 
A lombriga aliméntase do cerume do seu hóspede. Ela, a cambio, dálle consellos ao individuo que a alberga. O seu modus operandi consiste en detectar os problemas que ten quen o leva mediante os receptores de "Zulemio" e bisbarlle os consellos que precise (que adoitan ser usados na maioría dos casos para resolver desavinzas).
As persoas que posúen este verme teñen máis capacidade para actuaren como mediadoras nos conflitos .

María (2º ESO)

domingo, 22 de marzo de 2015

O Encarapuchado

Descrición física
É un ser mutante cunha carapucha rota. Ten uns cornos protuberantes que lle saen polas orellas. As partes da cara non se distinguen moi ben, pero véselle un só ollo e mais dous cairos de vampiro. Non ten man dereita e na esquerda ten tres dedos. Nun deles ten unha uña moi grande coa que mata os seus inimigos. A súa pel é de cor azul. Na parte inferior do corpo ten unha cola en forma de lanza. Leva os pés descalzos e ten tres dedos en cada pé. Viste un traxe de campesiño moi desgastado.

Orixe
Antes era un labrego do Tibet. O rei do seu poboado trataba mal a xente. Un día, o rei quitoulle a casa e despois, conxelouse mentres durmía. Conseguíu liberarse polos pelos, pero perdeu unha man intentando saír. Emigrou ata Galicia e polo camiño entrou nunha fábrica de cosmética abandonada. Caeu nunha cuba de residuos radiactivos e por iso mutou. O seu deber é defender os galegos dos malfeitores para que non sufran como sufriu el.

Carácter
Ten un carácter defensivo e vingativo. Cando o enfadan, sacia a súa sede de sangue asasinando os que o incomodaron.

Lugar onde vive
Vive nunha cova na cima do Piapaxaro, desde a que pode observar toda a provincia de Lugo. O clima é parecido ao do Tibet e por iso vive alí.

Habilidades e poderes
É moi veloz, fai parkour, paraliza coa mirada e a súa unlla máis longa corta coma un coitelo.

David e Daniel (1ºESO)

mércores, 18 de marzo de 2015

O neno afortunado

Un día, nunha tardiña de verán, un neno estaba a traballar na horta da casa. Xa estaba no último rego e cos folgos acabados, cando levantou unha cenoria especial, que tiiña cinco cornos e un gran tamaño. Foi correndo a dicirllo á súa nai. Ao chegar á casa, a cenoria esvaroulle das mans e partíuselle un corno. 
Dese corno saíulle un xenio. Cando este se presentou, deulle as grazas por axudalo a saír da cenoria, porque levaba mil anos encerrado. O xenio díxolle que por cada corno que se rompese, podería pedir un desexo; e que, como xa rompera un, esgotábaselle o tempo para pedilo. O neno falouno coa nai e pediu o seguinte:
- Quero que o meu pai se poña ben.
Rompeu outro corno e dixo:
- Quero ter unha morea de cartos para sacar a miña familia da pobreza.
Xa só lle quedaban tres desexos, e díxolle o xenio: 
- Aprovéitaos ben.

Para o seu pracer, rompeu outro corno e pediulle unha noiva. Neste caso, como o rapaz só pensou en si mesmo, o xenio tróuxolle unha moza moi fea, e o neno enfadouse tanto que pediu un novo desexo: que a rapaza desaparecese.
Como o neno tivera tanta avaricia, o xenio decidiu convertelo en pedra. A nai foille suplicando ao xenio para que lle dese de novo a vida, pero este contestoulle que unha vez que se cumpría un desexo, era irreversible. A nai propúxolle un trato: 
- Xa que levas moitos anos encerrado e non tes un sitio onde vivir, podes quedar na nosa casa; pero, a cambio, terás que devolverlle a vida ao meu fillo.

O xenio aceptou e viviron todos xuntos na casa durante moito tempo. Cando os pais do neno morreron, a familia non desapareceu. O xenio viviu durante xeracións con ela, pero sen poder concederlle desexos. Tempo despois, a casa arruinouse e o xenio tivo que que abandonala. Decidiu viaxar el só polo mundo.

Víctor, Alejandro R., Iván e Álex (2ºESO)

Xente estraña

Había unha vez, neste planeta, un grupo de xente que aproveitaba as cousas que os demais non utilizaban. Eles tiñan unhas cabezas capaces de inventar obxectos para darlles moitas utilidades.
Entre eles, naceu un neno; e cando o ían bautizar, para non mollarlle a cara, inventaron un utensilio: colleron unha saia de plástico dunha boneca e axustáronlla á cabeza, de maneita que, ao caerlle a auga, non lle fose para a cara.

O neno, ao longo do tempo, vía como os seus pais inventaban cousas incribles que logo eran utilizadas por outras persoas. Os mellores inventos chegaron a venderse nos grandes mercados.
Cando o pequeno Lewandowski fixo os cinco anos, seus pais, Ana e Aubemayans, cumpríronlle o desexo de deseñar o seu propio invento, xa que na súa seita non se podía inventar nada ata os dezaoito anos.
A Lewandowski levoulle quince días e quince e noites rematar o seu pequeno invento. Tras dúas semanas de traballo, saíu da sala de inventos co que argallara. Dirixiuse á súa casa, para amosarllo aos seus pais; e, ao chegar, ensinoulles o boneco dun superheore que tiña a capacidade de multiplicarse infinitas veces durante certo tempo, co fin de axudar aos da súa seita, facer os labores e así, ademais, aumentar o número de persoas daquel lugar.

O robot, co paso do tempo, empezou a esgotarse, ata que chegou un momento no que caeu de cu, sen forzas. Todos os da seita acudiron para saber por que parara. O robot, ao ver que xa estaban gordos de non traballar, impúxoselles e díxolles: -Eu non podo facelo todo!!! E abandonou a seita.

El non sabía que era un perigo potencial en malas mans, e xustamente, foi caer nunha trampa que lle tenderon os das fábricas para intentar raptalo, sabendo que téndoo a el poderían despedir os traballadores e facerse ricos.
O pobre robot traballou e traballou ata que, cinco anos máis tarde, morreu; deixándolles unhas ganancias inimaxinables ás fábricas e obrigado a traizoar os da súa seita.

Simón, Álvaro, Cristina e Ruth

O convento maldito

Había unha vez cinco monxas que vivían no convento de Maceda:
A monxa máis nova tiña trinta e dous anos, chamábase Andrea López Guzmán e dedicábase a facer pulseiras para vendelas na feira.
A segunda máis nova tiña trinta e cinco anos, chamábase Marta Carrasco Cancelas e dedicábase a facer xabón artesán no soto do convento.
A terceira máis nova chamábase Carla Arca Mariño, tiña trinta e oito anos e dedicábase a facer tortas na cociña do convento.
A cuarta máis nova era Luísa Castro Casanova, de corenta e dous anos; e dedicábase a atender a horta do convento.
A maior era Cristina Salgado Caravel, de cincuenta e sete anos; e dedicábase a limpar o convento.

O día 8 de xaneiro celebrouse a festa de Maceda. Cando as cinco monxas viñan da farmacia de comprar medicamentos, sobre as sete da tarde, viron arder o convento. Entraron as cinco e tentaron apagar o lume, pero por culpa do fume intoxicáronse e morreron todas. Horas despois, viñeron os bombeiros e apagaron o lume. Atoparon alí os cinco cadáveres calcinados. Veu a policía e investigou por que ardera o convento. Descubriuse que fora por culpa dun foguete que tiraran na festa de Maceda.

Dous anos máis tarde do fatal incendio, tres curas reconstruíron o convento grazas a unha subvención da Xunta de Galicia. Cando estaba rematado, habitárono os tres curas:
O cura máis novo era don Pepe, de sesenta e un anos.
O segundo máis novo era don Diego, de sesenta e tres anos.
O cura máis vello era don David, de setenta e tres anos.
Os curas daban a misa todos os domingos ás dez da mañá na igrexa do convento.

O día 9 de outubro morreu don Pepe, aos sesenta e un anos, por culpa dun derrame cerebral. Anos despois morreron os dous curas que quedaban, por culpa dun accidente de estrada, cerca de Cospeito. O convento quedou deshabitado para sempre porque a xente tiña medo de que fose un convento encantado. Co paso do tempo, o convento foi caendo pouco a pouco e trinta e dous anos despois só quedaban algunhas paredes.

Diego e Anthony (2ºESO)

Vaquenlla


A vaquenlla é un animal grande. Ten moitas manchas de cor negra polo corpo. A súa cabeza é de boi e o seu corpo, de quenlla. Mide 5 m e pesa 10.000 kg. É un animal vivíparo que non acostuma separarse da súa familia.

As vaquenllas viven no océano Atlántico, en augas moi frías, preto dos icebergs. Aliméntanse de coral e de peixes como o salmón, que pescan en manda. Ás veces saen á superficie.

Viven uns setenta anos, se non padecen ningunha enfermidade. Para reproducírense, sepáranse da manda coa súa parella durante uns meses e achéganse a un iceberg. Teñen, aproximadamente, trinta fillos.
O seu carácter é forte e teñen moito xenio. Adoitan ser moi malas e enfurecerse facilmente.

Nunha ocasión, unha manda destes animais ía polos mares de Escocia e atopouse co Titanic. Seis dos meirandes atacaron o barco e fixéronlle seis fendas que o afundiron. No momento no que os pasaxeiros caeron á auga, escornáronos e matáronos.


Kevin e Alicia (1º ESO)

martes, 17 de marzo de 2015

Serepía

Aspecto
É unha muller de pelo acibeche e ollos celestes. Ten busto feminino e loce un suxeitador de cunchas. Ten ás de aguia de cor azul cunha envergadura de 2 m, e cola de serea azul en vez de pernas. Leva un colar de perlas e flores.

Carácter
O seu carácter é agradable e mantén relacións sexuais cos homes, aos que atrae coa súa beleza. Non lle gustan os homes casados, pero se algún lle resulta fisicamente atractivo, mátalle a muller cunha cantiga adormecedora.

Lugar onde vive
Mora nas fosas abisais, a 10.000 m de profundidade, e só sae nas noites de lúa nova.

Poderes
Pode cantar a un volume de ata 10 decibelios e aguantar a respiración na auga durante un tempo ilimitado. Pode voar ata os 500km de altura.

Brais e Manuel (1ºESO)

luns, 16 de marzo de 2015

A historia de Kalou



SIMPLEMENTE, FAINO
Había unha vez un raparigo que vivía nunha cidade do Terceiro Mundo. O rapaz chamábase Kalou e viviá cos seus pais e o seu can Emaná nunha chabola. Kalou traballaba nunha fábrica de Nike. Aínda que era menor de idade, un grupo de homes escravizábao e obrigábao a traballar día tras día sen descanso. Kalou estaba moi delgado, porque non lle daban diñeiro suficiente para comprar comida.

Un día de 1999, pola mañá, cando ía traballar, encontrou unha carteira de coiro. Colleuna e abriuna. Levou unha sorpresa ao ver que estaba repleta de billetes. Kalou púxose moi contento e decidiu axudar a súa familia, que estaba na ruína. Tamén decidiu non traballar máis en Nike. Así que falou co xefe e díxollo. Ao xefe estrañoulle e preguntoulle por que. El contestoulle que agora tiña moito diñeiro; e foise. Antes de marchar, decidiu facer unha trasnada e mexou na parede da fábrica, acompañado do seu can Emaná. Marchou moi feliz pola rúa adiante para contarllo á familia.

Adrián e Sabela (2ºESO)

sábado, 14 de marzo de 2015

Dalia



O aspecto de Dalia é moi belo. Os seus ollos son de cor verde e o seu cabelo é longo e louro.

Vive nun río grande, onde o negro non existe. Todo está cuberto de flores: dalias e rosas. Vive rodeada de luxo.

Os seus poderes son namorar os homes e axudar os máis pobres. Coa súa voz, fai crecer as flores.

Cando se enfada, os ollos vólvenselle vermellos. Ás persoas que a miran aos ollos nese momento, convérteas en pedra.

Andreea e Idalia (1ºESO)

Os ovos de Nunca Xamais

Hai moito tempo, nunha cociña galega, habitaban dentro dun frigorífico marca LG (alerta por spam número 1) tres felices oviños, que se chamaban Moreniño, Minion e Clariña.

Mais un espantoso día ocorreu un tráxico suceso: estaban os ovos tan tranquilos cando, de repente, aparece unha man xigante que os colle aos tres. Estaban moi asustados, pois non sabían que lles ía pasar. De súpeto, a man xigante rompeu a casca de Moreniño e fritiuno. Como sabían que eles ían ser os seguintes, Minion e Clariña fuxiron de alí.

Xa fóra, encontráronse cunhas torradas aladas. Minion e Clariña contáronlles ás torradas o que lles acontecera e as torradas dixeron:
- Nós temos a solución: levarémosvos moi lonxe de aquí.
Os ovos subiron enriba das torradas, que comezaron a ascender. Cruzaron o ceo anubrado a atoparon unha illa. As torradas deixáronos no chan e fóronse voando.
Á súa vista, apareceu unha fada. Ela achegóuselles e dixo:
- Ola, ola! Eu son Campaíña, a fada máis coñecida de toda a illa de Nunca Xamais- díxolles con demasiado ego-. E vós, quen vides sendo?
- Eu son Minion e ela é Clariña. Viñemos ata aquí porque unhas torradas voadoras nos axudaron a escapar do noso fogar. Íannos fritir! Pódelo crer? É indignante!

Os ovos e Campaíña segurion laretando un bo anaco, pero logo entrou en escena Peter Pan, a quen, ao ver os ovos, lle entrou a fame; e perseguiunos por toda a illa. Estes non tiveron máis alternativa que pedirlle axuda ao capitán Garfo. Foron ao seu barco e falaron con el.
- Así que vós sodes eses ovos que o rapaz do demo persegue, ou non?- dixo o capitán.
- Nooon, se lle parece, somos dúas cobras bailando bachata- dixo, con evidente sarcasmo Clariña.
- Si, sodes- respondeu Garfo-. E para que viñestes?
- Viñemos para que, coa túa axuda, creemos un complot contra Peter Pan. Mira, vai ser así...
E os ovos explicáronlle o seu plan ao capitán.

Uns días máis tarde, o plan comezou. Os ovos atraeron o rapaz ata o barco. Unha vez alí, tentaron pillalo, pero non chegaron a collelo. Nun momento desesperado, a Clariña ocorréuselle unha idea. Colleu unha rede e tiroulla enriba a Peter Pan. Mentres este tentaba quitar a rede de encima, os do barco guindáronlle un canonazo con fogos de artificio e petardos. O ceo quedou para unha foto. Por desgraza, furáronlle ao mozo unha perna.

Finalmente, todos acabaron ben: Minion e Campaíña fixéronse mozos; o capitán Garfo e Clariña comezaron a saír, aínda que sempre lle rompía a casca co garfo, pero con apósitos do Mercadona (alerta spam número 2), soluciónase; Peter Pan comprou unha perna ortopédica e, por último, a man xigante comeu a Moreniño, que se reencarnou nunha feliz morsa.

Valeria, María, Tania e Ana (2ºESO)

venres, 13 de marzo de 2015

Burrofante


O burrofante é un animal grande e gordo, con corpo de burro e trompa de elefante. Vive nos Montes Galaicos e come mangas.

A lenda conta que, á media noite, o burrofante entra nos dormitorios dos nenos menores de oito anos e maiores de dous, estende uns pos polo cuarto e fai que os nenos teñan o peor pesadelo.

Para que o burrofante non poida entrar na casa onde hai meniños desas idades, hai que colocar unha boneca de porcelana na porta. Isto asustará o burrofante.

Naiara e Idalia (1ºESO)

[A palabra "habitación" non designa o cuarto da casa destinado a durmir.]

xoves, 12 de marzo de 2015

Amanda Walker


Cando Amanda Walker está no cemiterio, dorme por riba da lápida do seu marido, que morreu de cancro. Cando hai alguén para enterrar, faino ela, xa que lle gusta estar cos corpos inertes. 

Cando está na casa, reza todo o tempo e, ao dormir, soña coa voda que tivo. Os días festivos intenta suicidarse para volver co seu home; pero como é inmortal, non pode e chora decote.
O día da celebración dos mortos, lévalle un crucifixo ao seu defunto esposo para demostrarlle o seu afecto.

Dise dela que é o terror do camposanto de Vilaesteva. Por iso, desde hai tempo, ninguén pasa por alí. Todos lle teñen medo; só van os da funeraria que lle levan os cadáveres.

Raquel e Alicia (1ºESO)

martes, 10 de marzo de 2015

Mocanva


O mocanva é un animal que ten ollos de moucho, cara e corpo de can, patas de mono e rabo de vaca.

Os mocanvas están en perigo de extinción: só hai cinco no mundo. Dous están na Devesa de Escairón pendurados das árbores e outros tres en Chantada. Os de Escairón son machos e os de Chantada, femias. 
Cada cinco anos reúnense no castelo de Monforte de Lemos para reproducírense. Só pairen dous fillos e cando estes se poden criar sos, os pais morren.
Os maiores comen landras e as crías, follas secas.

Nalgunha ocasión déixanse ver: se lles cae ben unha persoa, pero unicamente pola noite; porque, se non, morren.

Manuel, Ángel e Fran (1º ESO)

A culpa é de Lincoln

A miña nai marchou hai xa unha semana. Non sei onde estará nin que estará facendo, pero bótoa de menos. A única compañía que teño é o meu can Lincoln; que me coida, dáme de comer e tápame polas noites.
Cando durmo, por fin, coido que Lincoln sae buscala, pero parece que nunca hai sorte e cada día semella máis preocupado. Coa comida que nos queda, temos os días contados.
Creo que estou toleando: teño a impresión de que o meu can me está a dar ideas malas. Ideas terribles que acoden á miña mente cando a soidade me colle desprevida. Di cousas e eu non podo evitar escoitalas.

Esta mañá propúxome atracar o supermercado que hai a un rueiro de aquí. Non puiden resistirme. Levamos horas mirando polo balcón pensando a nosa estratexia: entraremos coa cara tapada, como se dunha película se tratase. Colleremos como refén a caixeira, evitaremos que se abran as portas e entón, roubaremos o que necesitamos e sairemos pola porta de atrás. É un plan perfecto, non pode haber erros.

Agora estamos intentando distraer o garda de seguridade dunha forma non moi sutil. Lincoln morderao e sairá correndo. Serei eu a única que entre no supermercado.
Xa estou dentro. O plan funciona. Teño a refén pero dubido... Que me pasa? Non logro distinguir a realidade do que acontece na miña mente.
E de pronto, véxoa. Miña nai no supermercado. Diríxese cara a min con cara de sorpresa. Estou conxelada, non podo moverme. Acabo de darme conta: o que para min foi unha semana, só foron dúas horas.
A culpa é de Lincoln. Hai que atopalo.


Quim, Ana, Yolanda e Raúl (4ºESO)

O gatopán



O gatopán é grande, con corpo de pan. Ten dúas patas de gato e pode andar de gatas ou como unha persoa. O gatopán pode camuflarse, cambiando de cor dependendo de onde estea. Pode vivir cen anos, dependendo da saúde e do gordo que estea.

Vive entre as panaderías de Currelos, Escairón e Monforte. Vive alí porque o seu alimento preferido é o pan. Cólleo sen que ninguén se decate. Tamén anda polas casas roubando comida.

A súa afección favorita é encordiar os nenos pequenos coa súa voz tan aguda e molesta. Cando se anoxa, ponse de cor vermella e deixa sen pan aos veciños. En cambio, cando está de bon humor, colle o pan e dállelo aos máis desfavorecidos.


Andreea e Raquel (1º ESO)



O tritopardo


O tritopardo é un anfibionífero vivíparo da familia dos felinuros. Ten respiración pulmonar e pode vivir na auga ou na terra. O seu hábitat é a tundra. Aliméntase principalmente de carne e a súa lonxevidade rolda os sesenta anos. O seu período de xestación é duns seis meses.

Aspecto físico
Mide 1,5m de altura e 2m de lonxitude. Pesa 50 kg. A súa cabeza é pequena e redonda. Ten unhas orellas moi cativas e unha lingua de 1,5m de longo. Ten nariz felino, ollos saltóns e unha gran boca con cairos afiados. Ten fortes patas, que lle serven para correr e nadar. Ten pés palmípedes e nos dedos traseiros, unhas fortes uñas. No lombo ten manchas de cor negra e unha crista que lle percorre o lombo. Ten unha cola plana que lle axuda a nadar.

Reprodución
Emparéllase na primavera e as súas crías nacen no outono, no pantano, onde se crían ata os cinco anos. Reprodúcense como os mamíferos.

Alimentación
Aliméntase principalmente de ranafantes e libeluquitos. En caso de escaseza, tamén pode alimentarse de animais máis pequenos.

Capacidades
Pode correr a 120 km/h e nadra a 60 km/h. Pode saltar ata 2m de altura e 3 m de lonxitude.

Carácter
Ten un carácter tranquilo, pero se o provocan, pode volverse moi agresivo, sobre todo cando protexe as crías. Acostuma agocharse das persoas e só en caso de crise as ten atacado. Tenlle medo aos felinos de maior tamaño, como é o caso do tigre.

Anécdota
Un día chuvioso de verán, dous exploradores foron atacados por esta fera. Só un sobreviviu e o outro foi comida de tritopardo. Despois de analizar o caso, os científicos decatáronse de que tiña crías agochadas nun mato.


Brais e David (1º ESO)