A miña nai marchou hai xa unha semana. Non sei onde estará nin que estará facendo, pero bótoa de menos. A única compañía que teño é o meu can Lincoln; que me coida, dáme de comer e tápame polas noites.
Cando durmo, por fin, coido que Lincoln sae buscala, pero parece que nunca hai sorte e cada día semella máis preocupado. Coa comida que nos queda, temos os días contados.
Creo que estou toleando: teño a impresión de que o meu can me está a dar ideas malas. Ideas terribles que acoden á miña mente cando a soidade me colle desprevida. Di cousas e eu non podo evitar escoitalas.
Esta mañá propúxome atracar o supermercado que hai a un rueiro de aquí. Non puiden resistirme. Levamos horas mirando polo balcón pensando a nosa estratexia: entraremos coa cara tapada, como se dunha película se tratase. Colleremos como refén a caixeira, evitaremos que se abran as portas e entón, roubaremos o que necesitamos e sairemos pola porta de atrás. É un plan perfecto, non pode haber erros.
Agora estamos intentando distraer o garda de seguridade dunha forma non moi sutil. Lincoln morderao e sairá correndo. Serei eu a única que entre no supermercado.
Xa estou dentro. O plan funciona. Teño a refén pero dubido... Que me pasa? Non logro distinguir a realidade do que acontece na miña mente.
E de pronto, véxoa. Miña nai no supermercado. Diríxese cara a min con cara de sorpresa. Estou conxelada, non podo moverme. Acabo de darme conta: o que para min foi unha semana, só foron dúas horas.
A culpa é de Lincoln. Hai que atopalo.
Quim, Ana, Yolanda e Raúl (4ºESO)
Ningún comentario:
Publicar un comentario