domingo, 22 de marzo de 2015

Igualdade na sociedade: unha reflexión feminista



Na actualidade, a situación da muller mellorou considerablemente; somos tratadas máis xustamente pola sociedade. Non obstante, segue sen haber un trato igualitario entre homes e mulleres. Aínda que melloramos moito os nosos hábitos sexistas e machistas, eses tópicos que nos perseguiron ao longo da historia seguen sendo moi usados entre a maioría da poboación. 

O peor de todo é que a maior parte das persoas teñen interiorizadas ideas machistas, e que aínda que buscan xustiza e igualdade acaban caendo, sen darse conta, en clixés inxustos e incluso ofensivos para a muller. Esa interiorización de ideas incorrectas vén de moi cedo. Dende a nosa máis tenra infancia incúlcannos valores que deixan a muller por debaixo do home. Podemos velos na publicidade, pero en moitos casos incluso o facemos na propia casa. Eses valores cos que nos criaron son moitas veces difíciles de rexeitar ou modificar a favor da igualdade, polo simple feito de que son ideas que consideramos correctas e que pensamos ferventemente que son xustas.

É moi difícil cambiar de opinión cando falamos deste tipo de hábitos, porque nos parecen normais, e para nós o habitual é correcto; para nós non está mal. Pero, se pensamos con lóxica, por que unha muller é inferior? Por que se considera máis débil? Quizais o problema resida en que consideramos que esa forza bruta na que por natureza o xénero masculino nos supera é o único que se debe valorar para falar da forza dunha persoa. Pero non, non é así. Debemos ter en conta outros tipos de forza: a forza intelectual ou a forza psicolóxica, por exemplo.

Debo dicir que por sorte, esoutras cualidades se valoran máis do que antigamente se facía; pero, en conclusión, quédanos un longo camiño.

Ángela (4ºESO)

Ningún comentario: