martes, 19 de maio de 2015

Isabeliña

Ilustradores: Fátima e Raúl
Esta é a lenda de Isabeliña, recollida por Sara en Escairón.

  Isabeliña era unha pequena moi riquiña. Sempre levaba pastar as vacas ao monte, despois de facer as súas tarefas.
  Un día, de camiño á súa casa, encontrouse cunha señora moi miudiña e vella: era unha moura. A moura, sen presentarse, acercouse a ela e deulle un vestido de seda azul precioso, con brillos arredor da cintura. A moura advertiulle que non lle podía dicir a ninguén quen lle dera aquela roupa. Isabeliña marchou para a súa casa moi contenta polo seu regalo.
  Ao entrar na casa, a mai preguntoulle polo traxe, pero a nena non respondeu. Cando a mai tomou medidas extremas, Isabeliña rompeu a chorar e contou toda a historia.
  Ao día seguinte, cando se dirixía ao monte, Isabeliña encontrouse coa moura. Esta levouna ata unha cova moi escura, afastada do camiño á aldea. Chegaba a noite e Isabeliña non volvera. A súa mai saíu da casa e chamou por ela. De súpeto, unha voz desgastada respondeulle así:
  - Isabeliña, Isabelón,
  converteuse en aceitón!

Ningún comentario: