domingo, 31 de maio de 2015

Vacairón en Lugo

A cidade bimilenaria
visitei esta semana,
percorrín a súa muralla
como unha antiga romana.
Non gocei dun baño relaxante
por mor do cristal de diante,
mais contemplei a catedral:
monumento sen igual.
Continúo as miñas viaxes
polas vilas e as paisaxes;
camiño o mundo sen temor
porque eu son... 

VACAIRÓOOON!

sábado, 30 de maio de 2015

Vacairón na competición

Onde dirías que estivo este venres a vaquiña de PuntoGalego?

E aquí vai o inquérito de hoxe:
Envíanos un comentario explicando de onde procede a palabra "derby" (non rexistrada no DRAG, pero si no Gran Dicionario Xerais da Lingua) e se a túa resposta é completiña, recibirás un pequeno xoguete tradicional.

xoves, 28 de maio de 2015

O cuco, cuco, cuqueiro

A rapazada de 4º de Educación Primaria está imparable... Como pasa coas cereixas, que cando colles unha, sempre lle veñen enganchadas outras no rabo, cada nova creación inspíralles outra. Así dá gusto! Bo traballo, moz@s!
  

O cuco, cuco, cuqueiro
cucou, cucou, cucou;
o cuco, cuco, cuqueiro
cucou, cucou, cucou:
os oviños do niño
tirou, tirou, tirou!

O acróstico de Taylor

Un agasallo do alumnado de 4º de Educación Primaria

Vacairón na Pobra do Brollón



Trasantonte Vacairón,
coa "profe" Luisa marchou.
Paseouna por todo Eixón,
que está na Pobra do Brollón.

Viu igrexas e letreiros,
muíños e castiñeiros;
mais non se puido resistir...
e ao sinal colocoulle o til.

Moi ben feito, Vacairón:
ao incorrecto, dille "NON"!

mércores, 27 de maio de 2015

O recuncho de Ana e Alicia

Ana (2º ESO) envíanos estas imaxes editadas por ela mesma, e cóntanos que este é un dos seus recunchos favoritos (A Telleira da Peiceira, en San Salvador de Vilaesteva), ao que acode coa súa amiga Alicia (1º ESO) usando como medio de transporte a bicicleta. Estas mozas sonvos ecoloxistas. Bravo!

O arrolo de Fiona